O Máster Interuniversitario de Técnicas Estatísticas cumpre dez anos e para celebralo os seus impulsores organizaron para este xoves a I Xornada de Orientación Profesional MTE, unha xuntanza que reuniu na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias a un destacado número de exalumnas e alumnos que, chegados de diferentes lugares -Vigo, Porriño, Santiago, Madrid, Bélxica ou Alemaña...-, puxeron cara ao éxito que está a acadar este perfil profesional en distintos sectores do mercado laboral, desde a banca e as telecomunicacións á bioloxía e a saúde.
“Nestes anos levamos formados máis de 200 profesionais e o que queremos coa organización desta xornada e amosarlle ás posibles persoas interesadas o valor engadido a nivel curricular que supón este tipo de formación nunha sociedade que demanda cada vez máis capital humano con coñecementos estatísticos a nivel de máster”, explicou na inauguración da xornada o profesor Jacobo de Uña, unha idea na que tamén fixeron fincapé o decano do centro, Santiago Gómez Fraiz, e o director de Departamento de Estatística e Investigación Operativa, Javier Roca, docente tamén no mestrado, que recalcou o feito de que “en Estados Unidos este tipo de perfil profesional é moi demandado e teñen salarios moi altos, agardo que aquí este segundo aspecto chegue tamén en breve”, dixo a modo de broma.
Unha ex-alumna, primeira española en recibir o prestixioso premio Chambers de estatística
Ao longo de toda a mañá participaron na xornada profesionais con perfís moi distintos, entre eles María Oliveira, alumna da promoción 2009 e quen en 2014 se converteu na primeira española en recibir o prestixioso premio John Chambers Statistical Software, un galardón co que a Asociación Estadounidense de Estatística recoñece o deseño e desenvolvemento de programas novidosos que faciliten a análise, visualización e manipulación de datos. Hoxe traballa en Abanca e non dubidou en achegarse ás xornadas para achegar a súa visión. “Eu son matemática de formación e a estatística sempre me pareceu unha das vías con máis aplicacións”, subliñou, ao tempo que fixo fincapé na transversalidade destes estudos.
Xunto a Oliveira participou outro matemático, Juan Anido, que incidiu en que xa desde que estaba estudando o grao se decatou de que “a min o que me gustaba era aplicar os meus coñecementos ao mundo das finanzas, por iso nada máis acabar me matriculei no máster”, admitiu este ex-alumno, quen na actualidade traballa na consultora Management Solutions en Madrid.
En empresas e centros de investigación de prestixio
De amosar o potencial desta formación no ámbito sanitario encargáronse Eva María García e Liliana Vázquez, psicóloga no CTAG a primeira e bioestatística no Hospital La Princesa de Madrid a segunda, alumnas das promocións 2010 e 2012. “Os psicólogos tamén precisamos, e moito, da estatística, coñecementos que aplicamos a campos tan diversos como o deporte ou a automoción, como é o meu caso”, subliñou García.
Xunto a elas participaron tamén Nora Martínez, da Área de Sistemas e Aplicacións de Gradiant; Irene Castro, analista de datos en Optare Solution e, a través de vídeoconferencia, Matías Schuster e Juan José Santos, investigador o primeiro da Louvain School of Management Research Institute de Béxica e científico o segundo do Institute of Baltic Sea Fisheries de Alemaña.